Autoedición no Culturgal

Os festis de autoedición galegos estivemos presentes no Culturgal da man de PuntoGal.

Óscar Iglesias e Julia Abalde no posto de PuntoGal no Culturgal 2023

O pasado sábado 2 de decembro, ás 16:00 horas, o Autobán estivo presente no Culturgal (a Feira das Culturas Galegas, celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra), participando nunha mesa redonda en torno aos festivais de autoedición galegos. Convocados por PuntoGal (un dos principais patrocinadores destes eventos), acudiron Manu Barreiro do FunFunFun de Santiago, Helena Rodríguez Blanco do VaiaVaia de Lugo e Óscar Iglesias por parte do Autobán para presentar cadanseu festival. 

Nesta charla, conducida por María Gil Martínez, puideron constatarse as diversas personalidades de cada evento, pero tamén os vasos comunicantes que os unen. Así, na hora que durou o faladoiro, tocáronse temas como as dificultades dos proxectos de autoxestión cultural, o duro golpe que supuxo a COVID-19 para este tipo de iniciativas, a necesidade do apoio para os novos creadores, as evolucións en paralelo cara ao asociacionismo e os plans de futuro destes festivais. Tamén houbo espazo para as brincadeiras, pechándose a tertulia co comentario de que este recente camiño de lexitimación dos fanzines acabará por levar ao recoñecemento institucional no Gaiás.

Pero esta mesa redonda non foi a única participación do Autobán no Culturgal. O stand de Punto Gal tamén deu acubillo a un posto de venda con publicacións e camisetas do noso colectivo, que foi xestionado pola nosa socia Julia Abalde.

Cremos que esta posta en común dos festivais de autoedición foi moi positiva para todos os participantes e desexamos que desta experiencia poidan agromar futuras propostas entre todos.

Anterior
Anterior

Club de debuxo AutoLab de Nadal

Siguiente
Siguiente

Club de debuxo AutoLab